Sabía que estaba chegando... A sintonía das verbas da xente acarilláballe os oídos. O balbordo... ese balbordo que tanto botara de menos dende o primeiro día que marchara da súa terra... Nada cambiara en todo aquel tempo... Naquel tempo no que se prometía a sí mesmo que voltaría... E cumpleu o prometido.
Alí estaba... de camiño ás súas raíces, escoitando a súa lingua, lembrando momentos magníficos... momentos especiais... Alí estaba como un estranxeiro máis de cara ós ollos da xente... Pero para nada era estraño... A pesar de que a maior parte da súa vida estivera fora de Galicia, leváraa sempre na súa memoria... no seu corazón.
Estaba canso, moi canso... pero aínda así resistíase a aprazar a súa chegada ó Obradoiro. O seu fillo observábao abraiado e emocionado. Sentíase orgulloso do seu pai, da súa forza, da súa perseverancia...
Chovía e a humidade metíaselles no corpo... Esa humidade tan característica... As pingas esvaraban pola súa cara provocándolle unha sensación de satisfacción... Lembraba as súas correría polas leiras... Viñéronlle á mente todos eses olores que pensaba que xa tiña esquecidos... E agarrpu fortemente o brazo do seu fillo.
O corazón íaselle acelerando cada vez máis... Conforme ían chegando ó seu destino notaban todo ese calor da terra, que os acariñaba, que vencía á humidade, á choiva, ó frío... a todo o que se lle puxese por diante.
Comezou a percibir un son... Un dos sons máis esperados... A gaita. Tentou conter as bágoas, pero non foi quen de facelo. Soubo que, por fin, chegara á fin do camiño, do seu camiño.
Sentou no medio e medio da praza e ficou alí un bo anaco, sempre acompañado polo seu fillo. Iso de ser invidente non lle impedía observar cada un dos detalles... de reproducilos na súa imaxinación... Sabía que nunca voltaría a velos como cando era cativo, pero tamén sabía que agora tiña a oportunidade de velos dende outra perspectiva, dende a perspectiva das emocións...

No hay comentarios:
Publicar un comentario