viernes, 12 de septiembre de 2008

Centrifugado...



Un día aburrido... Si, un día deses no que non sabía que facer... Un sábado de pixama; un sábado de tantos que se quedaba soa... E iso que a soidade lle gustaba. Ás veces sentía a necesidade de apartarse da xente e atoparse consigo mesma. Pero, quizáis, ese sábado non quería atoparse... Quizáis ese sábado precisaba seguir perdida entre a xente, entre as horas que lle pasaban nun abrir e pechar de ollos mentres estaba entretida coa xente, coa súa xente.

Pero alí estaba, sentada, sen facer nada... Esperando a que rematase a lavadora. E o tempo non lle daba pasado... A mente en branco completamente. Cousa rara, a verdade. E os seus ollos observando as reviravoltas do tambor daquel aparello que tanto ruído facía... Daquel aparello que lle provocaba dor de cabeza.

Asomouse á fiestra e mirou ó ceo. Limpo, azul... como se se tratase dun día de verán, aínda que xa quedara atrás... E pasouse alí ben de tempo, queda... sentindo o fresquiño do outono e escapando de cando en vez das raiolas do sol, que lle cegaban os ollos. Ata que se decatou de que o centrifugado xa rematara, de que xa volvía a estar todo en silencio.

E dispúxose a vaciar a lavadora para poñer a roupa a secar. "Moi decontado se pasou o tempo...", pensou ela, mentres abría a porta enerxicamente. Tan enerxicamente que se sorprendeu a ela mesma... E non só pola enerxía da súa acción, senón tamén pola enerxía coa que saía auga e máis auga da lavadora. Os ollos quedáronselle como pratos... O chan semellaba unha desas pozas que se formaba cando baixaba a marea na praia... O pixama? O pixama nin que sobrevivira a unha boa tromba de auga... Aínda que a verdade era que si sobrevivira!! As zapatillas lembraban biscoitos recén mollados nun tazón de leite... Estaba pingando!!

¿Non era ela a que ansiaba aventuras, a que necesitaba entreterse? Pois acababa de sobrevivir a unha tsunami... á tsunami daquel centrifugado mal feito, ó centrifugado express. E entretida... por iso non tiña que preocuparse. Vaia se non se lle pasaría rápido o tempo mentres se desfacía de toda aquela marea de roupa, deterxente e sobre todo... de auga.


No hay comentarios: