Chora, chora e non deixa de chorar. ¡Sabe Deus o que ten esta rapaza! Eu é que non mo explico. Nunca antes tal vira. Pero, a ver, parruliña, ¿ti non ves que a area non fai nada? Mira, mira como a collo coa man e non me traba. Neniña, non chores máis, ¡ho!
Hei rematar con dor de cabeza de tanto que chías, que todo te me asemellas a un paxariño famento. ¡Senta aquí, no meu colo, veña! Aquí non hai area, ¿non ves? E deixa de chorar... que estás toda fea.
E dálle coa choreira. Manola, ¿ ti viras cousa igual? Terlle medo á area. Non sei como se lle dou con esa teima. O verán pasado non fixera tal teatro. Estou por chamar á nai. ¿Ti que dis? Que a leve de volta á casa. E se segue neste plan será o que teña que facer, Manola.
Cativiña miña, cala un pouquiño xa, que nin das respirado. A area é boa, ¿facemos un castelo? Ala, cólle o caldeiro, faime caso, bonitiña. Nada, non fas caso. Ben me lembras ó toxo de teu pai, que era destas feituras... ¡Boa herdanza che deixou, ho!
Ti ris, Manola, pero a min non me fai nin un chisco de gracia. Está toda a xente á mirar para nós. Aínda han pensar que chora porque lle dei unhas azoutas. ¡E diso nada! Aínda que merecer ben as merecía, así ía chorar por algo, ía.
¿E se imos á auga? Ven, que te limpo esas bágoas da cara. Dálle coa teima de chorar. ¡Vaise enfadar a avoa, eh! Mira que fresquiña está a auga. Senta na beira, senta. ¿Prefires estar aquí? ¿Quedamos aquí? ¿Si? Así me gusta, rematouse o chorar, que as neniñas fermosas coma ti non choran. A ver unha sonrisiña para a avoa...
E aínda menos mal que calou. Xa estaba por vestila e levala a xunto da nai. Mira ti para o teu neto, que feito que é. Chegou, e dende aquela aí o está, todo entretido xogando con aqueles nenos madrileños. Así dá gusto, dígocho eu. Esta xa parece que aplacou. O conto será cando a volva levar para a area, que tampouco a podo ter a remollo toda a tarde.
Xa vai sendo hora da merenda. Voulla ter que dar na auga, que agora que calou, non teño ganas doutro festival. Aínda che me ha de saír cantante, Manola. A ver, bonitiña, imos merendar. Mira que plátano tan saboroso che trae a avoíña. Tes famiña, ¿non? Non me estraña, xa se che foron tódalas forzas chíando. Así me gusta, que comas todo.
Si, Manola, si... Cando rematen a merenda xogámoslle unha partida. Boa razón levas. Se che entendo ben, que nós tamén temos dereito a descansar un anaquiño.

No hay comentarios:
Publicar un comentario