miércoles, 8 de octubre de 2008

Verbas a Compostela...

Compostela… Orballo incesante que deixa a súa particular pegada nesas rúas tan cheas de vida… Meta de milleiros de peregrinos que sorrín con satisfacción e emoción cando sinten a túa calor acariñándoos…

Compostela dos nenos e nenas xogando nos parques ata á tardiña, dos avós paseando pola alameda, do rebulir da xente na praza de abastos…

Compostela da gaita que se escoita cando te achegas á Catedral… das tantas e tantas noites observando o inmenso ceo estrelado sobre o leito do Obradoiro…

Compostela de libros e cadernos, de apuntes, de biblioteca, de madrugóns, de trasnoites, de festa, de xuventude…

Compostela dos viños no Franco, desas longas tardes de primavera sentados no verde Bonaval… Compostela de verlle os pes a Cervantes, de ires e vires… pero sempre paseniños, sen presas…

Compostela con ceo encapotado e pingas que esvaran pola cara á mañanciña cedo… Compostela de paraguas… Compostela gris… a min gústame verte gris, como meláncolica…

Compostela artística… de verbas agarimosas, de sorrisos, de fotografías, de paiasos, de centos de historias que se poden recrear con tan só mirarte… porque inspiras confianza.

Compostela de bicos, apertas, de sentimentos e emocións que nunca se esquecerán… Compostela amiga!

Compostela… eu véxote así! Díriate moitísimas cousas ó oído, ben o sabes… Pero é mellor deixalo aquí!

No hay comentarios: